APUNTES
INTERNACIONAL
LA CASA REAL
MONDARIZ Y EL FEMINISMO

Peinador Lines

EPeinadorLines(2).jpg O sono de Peinador, entre milagre e realidades

 

Máis ben parecería materia de milagre que a partir de dúas fontes sen maior apariencia ca de charcos de augas burbullantes, sitas nos lugares da Gándara e Troncoso do que era o diminuto e mal comunicado concello pontevedrés de Mondariz, se edificase en poucos anos un imperio balneario que atraeu cara a Galicia os ollos de medio mundo. Tal cousa non foi ficción senón unha sorprendente historia empresarial iniciada a partir de 1873 polos Peinador Vela e, levada ao seu cénit polos fillos, os Peinador Lines. A Guerra Civil Española sinalou en 1936 o seu punto de inflexión e a caída da vila termal xunto co progresivo afastamento da familia dos seus destinos, ata que nos anos noventa recuperara a súa personalidade balneoterápica, xa noutras mans.

Se na primeira xeración foi Enrique Peinador Vela (1847-1917), respaldado polo seu irmán Ramón, o descubridor, o emprendedor visionario e protagonista deste fermoso e incrible proxecto, na segunda foi o seu fillo Enrique Peinador Lines (1880-1940), con outro Ramón como irmán na sombra, quen asumiu a xerencia dun balneario xa consolidado, en que introduciu criterios de innovación para o seu desenvolvemento empresarial e ao que insuflou a súa sensibilidade cultural e galeguista.

O seu mandato, desde 1906, foi o de toda unha Belle Époque en que Mondariz, do que se segregou en 1924 Mondariz-Balneario, foi un lugar de cita veraniega das clases acomodadas, con bañistas venidos de Puerto Rico, Uruguay, Brasil, Chile, México, Costa Rica, Estados Unidos, Francia e Alemaña, ademais dos peninsulares, españois e portugueses. Non faltaron altos diñatario, literatos, pintores...  Digamos que a súa figura foi precursora dunha tarefa necesaria: que a burguesía galega se implicase coa súa terra polo menos como mecenas ou filántropos dun galeguismo necesario e, entón, emerxente.

O significado que tivo o complexo balneario creado polos Peinador é moi descoñecido incluso para a maioría dos galegos, que o reducen a unha simple historia hidroterápica. Craso error. Entre finais do século XIX e as tres primeiras décadas do século XX, ese minúsculo espazo a beiras do río Tea, mal comunicado con todo o país, non só foi lugar de cita cada temporada de personalidades españolas e estranxeiras das máis diversas ordes, senón foco científico (fundamentalmente en el ámbito da medicina) ademais de cultural con Galicia como eixe. A historia de Mondariz-Balneario (Mondariz antes da súa segregación por influencia dos Peinador) foi algo absolutamente inaudito na Galicia de entón, digno de ser novelado ou levado ao cinema cun sen fin de posibilidades.

Hai que ter en conta que este bulicio de verán, con fondas repercusións económicas no seu redor, tiña lugar en medio dunha Galicia deprimida, tercermundista e miserable que atopaba na emigración a súa única saída, o que fai máis admirable a construción por parte dos Peinador dese rico miniestado balneario que chegou a ter a súa propia moneda, os peinadores.

A Galicia daqueles anos

¿E cal era a paisaxe sociopolítica e cultural que se debuxaba na Galicia daqueles anos de brillo mondaricense? Se ao patriarca, Enrique Peinador Vela, lle coincidiu de cheo o Rexurdimento da nosa literatura con Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Lamas Carvajal, a actividade coñecida do seu fillo, Enrique Peinador Lines, desenvolveuse desde principios dun século XX no que en Galicia hai unha efervescencia galeguista sen precedentes: nacemento da Real Academia Galega (1906), aparición das asociacións agrarias, evolución do rexionalismo ao nacionalismo, creación das Irmandades da Fala (1916), nacemento das revistas A Nosa Terra (1916) e Nós (1920), que deu lugar a xeración que leva o seu nome (Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Castelao, Losada Diéguez...), produción literaria efervescente, constitución do Seminario de Estudos Galegos (1923) e do Partido Galeguista (1931)...

En medio deste fragor cultural e político aparece a figura deste Peinador Lines, cuxa presencia pública empeza a ser persistente a partir de 1906, xa con case trinta anos, cando asume a xerencia do balneario se ben antes xa colaboraba activamente á sombra do seu pai. Unha sombra que quizais o tapaba todo dada a súa arrasadora personalidade. Pero, se o seu progenitor destacou por engadir a súa profesión médica unha faceta empresarial e industrial pola que acabaría deixando a súa primeira actividade, el tomaría o relevo insuflando a súa labor unha máis decidida e activa preocupación por Galicia. Xosé Ramón Franco Grande definiuna así durante o acto en que se solicitou para el a declaración de Fillo Adoptivo de Mondariz-Balneario:

Poñamos as cosas no seu punto. Hai unha certa propensión nos biógrafos a facer afagos dos seus biografiados, o que aínda se fai máis evidente cando se furga na historia coa intención de asentar unha determinada figura na vida do propio país. A verdade é que non atopamos neste acercamento á vida de Peinador Lines probas palpables de inmensa erudicón, sexa literaria, científica ou doutras ordes. Sen embargo, ese carácter de empresario ilustrado que lle adxudica Franco Grande ou Xosé González, entre outros, é absolutamente pertinente: non só porque ninguén pode pór en dúbida que fora unha persoa culta e instruída, senón como herdeiro dese espíritu da Ilustración que cre no progreso humano.

 Fernando Franco

ENLACES DE INTERÉS

PATRONATO
EMPRESAS COLABORADORAS