PATRIMONIO NATURAL

Mondariz Balneario, para disfrutar andando

Esta é unha terra meiga
esta é unha terra bruxa
onde Deus fixo o milagre
o milagre da borbulla

Fontes, ríos e regueiros. Mondariz Balneario é a Vila da Auga. En Mondariz Balneario resulta necesario esquecerse do coche e facer os recorridos a pe. Para coñecer a vila propoñemos, pola mañá, o seguinte paseo:

Nada máis chegar, e ante a atenta mirada da estatua do fundador do Balneario don Enrique Peinador Vela, cumpre visitar o monumental pavillón circular de granito pulido, sustentado sobre maxestosas columnas, deseñado polo famoso arquitecto porriñés Antonio Palacios, onde se atopa a Fonte de Gándara, non o primeiro pero si o mais importante manancial das augas minerais. Ao lado mesmo atópase o Pazo da Auga, piscina xigante de talasoterapia que conta ademais con outros servicios e unha piscina de lecer, de auga quente, situada ao aire libre. 

Seguiremos visitando o parque que rodea ao que foi en tempos o Gran Hotel, ardido en abril de 1973, e recuperado coa mesma fasquía exterior como edificio de apartamentos de luxo, e onde, ao seu carón recentemente, foi inagurada unha estatua de don Enrique Peinador Lines, fillo do fundador do balneario que foi como seu pai empresario e  filántropo.

Na parte de atrás deste senlleiro edificio atopamos unhas bonitas zonas repletas de marabillosos xardíns de reminiscencia francesa que posuen unha piscina exterior de uso público, mediante o pago do necesario billete para entrar. Ao lado atópase un contorno natural chamado “El Bosque” que conta cunha grande variedade de arborado, de aí o seu nome. Alí achánse uns restos románicos procedentes do desaparecido mosteiro de Casteláns así como tamén mesmo alí poderemos visitar a pequena capela do Balneario, recentemente restaurada. Este precioso conxunto axardinado dános unha idea da grandeza e importancia que tivo esta estación balnearia a finais do século XIX e principios do XX.

Seguiremos camiño, pola parte de atrás deste parque ata o barrio do Escobeiro onde existe un fermoso curruncho de lecer e repouso, que comeza arriba nunha praciña, co dolmen e cruceiro das pedras, para baixar unhas escaleiras tamén de pedra ata a orela mesma do río Xabriña, onde hai un muíño restaurado. Logo, a dous pasos, visitar a capela de San Pedro do século XIII na que, no dicir da tradición, tivo lugar a voda do rei poeta de Portugal don Dinís coa infanta Dona Isabel de Aragón que logo sería elevada aos altares como Santa Isabel de Portugal, “A Raíña Santa”. 

Desde alí continuaremos o paseo de volta pola estrada de Mondariz para virar á dereita por detrás do Hotel Balneario, cara a Ponte da Ra, e alí mesmo seguir por un moi logrado corredor de madeira, que serve de baranda sobre o río Xabriña para bortarlle unha miradiña a un fermoso recuncho, onde desemboca o regato de Valdecide. A volta hai que facela por un curto carreiro seguindo a canle do propio regueiro para logo torcer dereita e seguir un paseo arborado de plataneiras xunto ás instalacións deportivas municipais, ata pasar a ponte de Vilar para botarlle unha ollada á praia fluvial desde o outro lado do río. Nese lugar está situado o refuxio de pescadores que funciona como mesón. 

Seguiremos volvendo de novo a outra marxe, continuando o noso itinerario polo sinalado paseo arborado dos que xa quedan moi poucos, baixo un túnel de verdor, que nos conduce ao elegante e romántico manancial de Troncoso, que foi o primeiro descuberto. Esta fonte, que deita a auga medicinal da burbulla milagreira e sanadora, está situada, baixo unha esvelta armazón de reixas de ferro forxado, de estilo puramente isabelino, ao pé mesmo do río e de onde continuaremos, gozando da natureza pura polo recorrido proposto, seguindo o novo e belísimo peonil paseo fluvial, ata o remate, na porta mesmo da planta de tratamento das augas residuais. 

A volta farémola pola costa da rúa de Domingo Blanco Lage, descubridor das augas minerais, que nos leva ata o centro do núcleo urbano e como, con todo iso, xa será cerca da hora de xantar procederá facer un alto no camiño para recobrar folgos. Ademais dos restaurantes existentes nos hoteis con pratos de superior calidade tanto da cociña galega como da internacional, existen na localidade varios restaurantes e algún mesón de calidade contrastada.

Despois de xantar, e con novo ánimo para andar, propoñemos outro itinerario diferente, tomando a estrada de Ponteareas, para visitar, sobre todo afeccionados e curiosos, ao campo de golf, hai pouco tempo inaugurado, no que se poderá tomar un café no club social. Desde alí, contemplar a fermosísima paisaxe pintoresca de nova creación, nun marco de excepcional beleza, no mesmo lugar onde fai anos estiveron situados a chamada Quinta de Pías e o Museo Etnográfico, tristemente desaparecido, do Balneario de Mondariz. 

Cumpre á volta, xa na vila, torcer á dereita un pouco máis adiante da estación de servicio, e polo atallo de arriba  ir beber a auga natural, cristalina e purísima, da fonte do Pazo que está rodeada dun contorno moi axeitado, onde hai un altar de pedra cuberto de tella no que se deposita, facendo parada e fonda, a Virxe de Lourdes o seu  retorno da Franqueira no luns de Pentecostes, día das Pascuillas. 

Ao regreso pódese facer unha breve visita ao templo parroquial para logo, iso sí, ir ata a casa do Concello, onde hai unha exposición permanente da historia do Balneario que, entre outras moitísimas curiosidades, como nota de interese conserva, tal cal era, a habitación real do ardido Gran Hotel así como o Museo Municipal da Auga. 

Rematadas estas visitas, propoñemos continuar o recorrido pola praza onde se atopa o mercado para baixar ata o Balneario pola costa do Sobaco. Alí, na nova e fermosa praciña, ao pe do tema escultórico que forma o Monumento á Auga, inaugurado o 22 de agosto do 2002, poremos fin o noso paseo nun día tranquilo, sen presas, para cura e sosego de corpos e almas, en Mondariz Balneario que non só foi e sigue sendo un lugar de veraneo e saúde gracias ás propiedades das súas augas medicinais e o seu contorno senón que foi, e agora volve ser, centro de reunión de literarios, políticos, xornalistas e intelectuais, facendo honra ao que Echegaray chamou “O pazo mundial das augas”. Auguramos, sen dúbida, que de seguir esta traxectoria dentro de pouco tempo será novamente o berce no mundo da cultura galega. 

Por iso non resulta estrano que Mondariz Balneario posúa unha actividade cultural efervescente ao longo do ano, ben organizada polo mesmo Concello, que polo Centro de Iniciativas Turísticas que por outras asociacións pero sobre todo cumpre destacar que conta coa Fundación Mondariz Balneario, recentemente premiada pola Xunta de Galicia e pola Deputación Provincial pola labor que desenrola, pois celebra ao longo do ano moitísimos actos culturais: conferencias, mesas redondas, concertos e exposicións. De maneira especial destaca, entre estes, a estadía no Balneario de alumnos bolseiros de Escolas Superiores de Arte de distintas cidades de España que deixan as súas obras expostas para recreo dos sentidos de tódolos visitantes. 

Non podemos esquecer que celébrase tódolos anos un festival de música folk de calidade recoñecida e de fama consolidada así como tamén, no día seguinte ao festival folk, un interesante encontro de bandas de gaitas.

De estar varios días, para matar o tempo de lecer pódese facer realizando deporte e    exercicio ao aire libre pois Mondariz Balneario ofrece moita variación:

Existe a posibilidade de practicar a caza menor e participar en batidas do xabarín poñéndose en contacto coa sociedade “La Mondarizana” así como, no caso de ser de interese, existe a posibilidade de participar en diversas tiradas ao plato que polos pobos dos concellos dos arredores que organizan no verán campionatos desta modalidade.

No río hai tódalas posibilidades de practicar a natación na praia fluvial do río Tea ou na piscina pública que hai nos xardíns do Gran Hotel ademais das piscinas dos distintos hoteis. A pesca pódese facer nos tramos acoutados dos ríos Tea e Xabriña. Hai un tramo do Tea cun Couto de Pesca sen morte. Tamén no río pódese practicar o piragüismo con embarcacións alugadas así como descenso en balsa neumática con guía-monitor.

De ser partidarios do ciclismo de paseo hai posibilidades de alugamento de bicicletas nos hoteis e do sendeirismo existen multitude de rutas por camiños e carreiros para esta modalidade. Fai pouco que está aberta ao público unha fermosa senda fluvial que bordea a canle do río Tea ata a praia de Cernadela en Mondariz.  

Para a práctica de golf as posibilidades de practicar este deporte son totais, pois existe un estupendo campo de 18 buracos.pertecente ao Hotel do Balneario De interesar consultar no club social do propio campo ou nos hoteis. Para os neófitos dan clases de iniciación e para os iniciados de perfeccionamento.

No caso de ser amantes da hípica hai aluguer e clases de monta no Hotel Cemar. Paseos a cabalo organizados. Nas súas instalacións tamén teñen lugar importantes probas hípicas con asistencia das mellores figuras españoñas e estranxeiras neste deporte.

Son famosos os torneos anuais de carácter nacional e internacional de xadrez no Hotel Cemar con asistencia de Mestres especialistas de primeirísima liña mundial. Así como tamén a Escola de Verán de Baloncesto a cargo de coñecidas figuras desta modalidade deportiva. 

Para rematar non debemos deixar no tinteiro e informar ao visitante do seguinte: O modernísimo complexo hoteleiro do Balneario está dotado de tódolos servicios de acordo ca súa categoría, así coma dun grande confort. Conta cunha piscina exterior e outra interior climatizada así como dun moderno centro de talasoterapia chamado o Pazo das Augas. É, ademais, unha das mellores instalacións balnearias de España para diferentes tratamentos ou tamén, sinxelamente, para gozar dos distintos servicios que presenta, entre os que ofrece distintas opcións organizadas para pasar o tempo de ocio. 

 ...¡Ollo! Que de ser moi longos os itinerarios sinalados para un só día pódense distribuir en varios, o que non sería desacertado. O disfrute será así máis duradeiro.

¡Mondariz Balneario é moito!

 Xoán Xosé Pérez Labaca


ENLACES DE INTERÉS

PATRONATO
EMPRESAS COLABORADORAS