Noticias
20-04-2014
Encontros en Mondariz

 

VENTO NAS VELAS. Víctor F. Freixanes


 O Foro Peinador e a Real Academia Galega reuníronse na vila de Mondariz Balneario, o pasado venres 11 de abril, para homenaxear a quen foi empresario singular, activo militante do galeguismo, xeneroso mecenas da cultura galega e, ao mesmo tempo, promotor dun dos proxectos máis memorables e exitosos do primeiro terzo do pasado século: o complexo de balneario, fontes termais, saúde, hostelería, lecer e cultura que certamente marcaron unha época, aquén e alén das nosas fronteiras. Dende 1924 sobre todo, data na que a localidade se constitúe en concello, Mondariz compite coas grandes instalacións europeas do seu tempo nesta especialidade: o Buçaco portugués, Mariembad, Vichy, Evian-les-bains, Baden-Baden.., e algunhas das grandes personalidades da política, os negocios, as letras e a diplomacia internacional se dan cita anualmente nas súas dependencias.

En realidade, Mondariz é o resultado de dúas xeracións de empresarios afoutos: Enrique Peinador Vela (1847-1917), o fundador, e o seu fillo, Enrique Peinador Limes (18801940), que foi quen viviu e activou a época dourada. Dúas xeracións e unha recuperación. O edificio do Gran Hotel, obra do arquitecto Jenaro de la Fuente, ardeu en 1973. Daquela a decadencia dos balnearios, e o de Mondariz en particular, era xa un feito. As modas veñen e van. A cultura de sol e praia desprazou a afección polas augas, e a Galicia das mil fontes termais tamén esmoreceu. Mais a vida segue. En 1997 un grupo de novos emprendedores crea a Fundación Mondariz Balneario. A primeira iniciativa é a recuperación das antigas ruínas do sanatorio que o arquitecto Antonio Palacios deixara sen rematar e que agora se converte en principal establecemento hosteleiro, conectado coas instalacións das augas. Despois, recupérase asemade o gran edificio de Jenaro de la Fuente. Parecía un milagre. De neno, unha vez que me levaran alí os meus país, só había pedras, con xardíns inzados de silveiras e un universo aparentemente acabado. Hoxe a vila e as instalacións volven rexurdir.

O encontro da Academia e a Fundación Peinador, que naceu hai algúns anos (2006) para promover e estimular a marca identitaria galega no noso discurso empresarial (tamén o uso da lingua), foi algo máis ca unha sentida homenaxe. Axiña se cumprirán 75 anos do falecemento de Enrique Peinador Limes. O máis interesante do encontro foi a oportunidade de debater entre a institución académica e as empresas (máis de 30 asistentes desta parte) as posibilidades da cultura galega como marca de identidade no comercio e a economía.

Acollidos pola Fundación Mondariz Balneario os participantes reivindicaron a lingua e a cultura de noso non coma un adorno, nin coma eses santiños que se sacan un día ao ano nas procesións e logo se arromban nos faiados, senón coma un activo (tamén económico) para o desenvolvemento do corpo social, que é unha das esencias da modernidade, e mesmo para o seu recoñecemento (empresas e produtos) no gran espazo uniformizador da globalización. Principio dunha liña de traballo que debe continuar.

Descargar PDF
ENLACES DE INTERÉS

PATRONATO
EMPRESAS COLABORADORAS