Noticias
10-02-2014
El autor del Himno Gallego, Eduardo Pondal, prescribía Agua de Mondariz a sus pacientes

 

A OUTRA FACIANA DO POETA. Eduardo Pondal, o médico de Ponteceso. (LA VOZ DE CARBALLO. 09.02.14)

 

Pese á súa entrega ás letras, as necesidades económicas obrigaron ao Bardo a exercer de galeno na súa vila natal

Como cada 8 de febreiro, a Fundación Eduardo Pondal celebra o aniversario do nacemento oficial do bardo de Bergantiños (a data real fora dous días antes) e, a xeito de homenaxe, presentamos outra faceta máis de tan poliédrico personaxe: Pondal como médico da súa vila natal, «a pequena Ponteceso». Ao igual que moitos outros escritores, como Castelao ou Baroja, estudara esa carreira sen moito ánimo, coa mente atrapada no mundo das letras e apenas permanecerá tres meses no seu primeiro e único destino como segundo Axudante Médico na Fábrica de Armas de Trubia. «Esto no sirve para mí. Conozco que no soy médico y que, como usted dice, no me llamó el cielo por ese lado. Así es que no está lejos el día en que abandonando esto vuelva a dar un abrazo de reconciliación a mi gentil amada la poesía», contaralle nunha carta a Rosalía.
Daquela Pondal contaba vinteoito anos e atopábase nunha encrucillada vital. Desbotara o exercicio da medicina porque vivía das rendas do Val Nativo, propiedade na súa meirande parte da súa familia, costeados os seus gastos polo seu irmán maior, alcalde de Ponteceso e deputado provincial, Cesáreo Pondal e á morte deste, pola súa irmá Pepita. Non nos estrañe que se envorcara de cheo na súa actividade creadora (Rumores dos Pinos, Queixume dos Pinos) ata que a realidade tórnao á necesidade de gañar os garavanzos. Farto de pagarlle xastres, débedas de billar e demais luxos sen que contribúa ao fondo familiar, Cesáreo, comínao a separarse dese fondo: «No puede convenirnos remitirte más dinero, acumulando una deuda que parece (que) nunca pensaste en solventar, pretendiendo, sin duda, conservar tu capital. Pero eso ya comprendes que, no es digno para ti ni justo para nosotros, que lo hagas a cuenta del nuestro».


O regreso á medicina
Nesta mesma carta de abril de 1889, bótalle en cara que lle teñan que pagar as súas «excursións», namentres que, pola súa
insolidariedade, está arruinado parte do pazo. Consecuencia: disolución da compañía familiar ese mesmo ano.
Eduardo ten agora cincuenta e catro anos: é un ancián, para os conceptos da época, xa que, por exemplo, o seu amigo Murguía, nunha lamenta a súa propia perda de memoria «como buen viejo»¿ e é dous anos maior que o noso Bardo. A esta idade, Pondal ten que retomar o maletín e consultar pacientes para sufragarse, en parte, os seus gastos, cronicamente «perseguido polos ingleses» (expresión irónica que xa utilizara no seu poema estudantil en castelán La camisa e que é sinónimo de «acosado polos acredores»).
Do seu labor como galeno temos que recorrer ás anécdotas recollidas polos seus veciños e parentes. «Contábame miña tía lembra Paco Valiña que meu avó, Francisco Vázquez Cotelo, O Ghallardo, dono dun ultramarinos era moi amigo de dona Pepita», a xefa política e económica da Casa Pondal/ Valdés dende a morte de Cesáreo, en 1897, ata o seu mesmo falecemento, en 1908. Prosigamos co relato de Paco: «Enemistado coa familia, Eduardo vai vivir un tempo á casa do meu avó. Eran dúas vivendas unidas polo corredor darriba. Cando meu avó vaillo comentar a dona Pepita, esta replica: '¡Déixao estar alí!'. Era un home moi maniático: abría as portas cun pano para non tocalo picaporte».


As súas aprehensións
Nesta mesma idea abonda Jaime Valdés, o seu descendente político: «Cando un amigo tiña constipado, antes de deixalo pasar o limiar da casa, estendía xornais polo chan para que pisara por el». E Carmiña Pérez Rial, quen leva toda unha vida coidando o pazo familiar, engádenos: «Tomaba o pulso á xente cun bastón e collía as toallas apenas con dous dedos. Carmen García A Romera, a ama de chaves de Cesáreo Valdés, tenme contado o raro que era». Eduardo, xa dabondo aprehensivo toda a súa vida fixera un primeiro testamento aos 35 anos queda impactado polos descubrimentos de Cohn, Pasteur e Koch sobre os microbios e bacterias, causantes do carbuncho, rabia e cólera, arredándose máis aínda do contacto humano. Aínda así, anima á súa irmá dona Pepita: «No hay que tener miedo de esos casos de viruela confluente de Lage, el miedo es un fantasma imaginario, guardad aislamiento prudente y, fiando en Dios, nada os sucederá».


Coinciden Jaime Valdés e Carmiña Pérez ¿seguindo as lembranzas de Cesáreo, pai do primeiro¿ en que, ás veces, Pondal recibía ós pacientes no adro do pazo e que, incluso, xa dende o balcón do primeiro piso, botáballes unha ollada clínica e diagnosticábaos á distancia. Receitáballes medicinas da farmacia: supoñemos que sería a da Trabe, propiedade de Severiano Mesías Vilariño, o lugartenente na política de dona Pepita e amigo persoal de Eduardo, en cuxa casa ¿hoxe coñecida como «de Quilómetro», pola elevada estatura do seguinte dono disque parou o poeta e, de feito, del tomou o topónimo As Basontas, baixos de Portosín avistados dende a casa nativa de Severiano.
A sona do Pondal doutor estendérase entre os seus paisanos a fin de contas era o dono das leiras que eles traballaban e, ademais, un escritor recoñecido¿ e a el acudiron intermitentemente (xeralmente, disque, por enfermidades respiratorias, reumas e demais achaques pola forte humidade da Ribeira Baixa do Anllóns). Carmiña Pérez refrenda: «A xente quería a Pondal e tiña fama de curar ben».


Un gran defensor dos remedios naturais
Eduardo Pondal tamén vixía a saúde da súa familia: dende a Coruña, escríbelle a dona Pepita recomendándolle como alivio para un edema idiopático ou inchazón do pé e da perna fregala con artritina, antiinflamatorio a base dunha combinación de plantas medicinais e outros produtos naturais, que evita a inxestión de fármacos químicos, que vai encargar a París e que daquela custaba de tres a cinco pesetas (unha peseta era o que malamente chegaba a gañar ao día un xornaleiro traballando de sol a sol). Ademais, aconséllalle, como remedio caseiro, lavarse as pernas e pés cun cocemento, en auga tibia, dunha boa manchea de follas e talos frescos de plantas que tiñan na horta familiar: romeu, herba abelleira ou melisa, herba luísa ou artemisa. Logo, pór sobre a inchazón un trapiño enchoupado nesa auga e usar por riba unha media algo cinguida para comprimir. Máis aínda: tódalas mañás un cuarteirón de auga de Mondariz ou de cervexa, a escoller e un vasiño de leite con chocolate e facer exercicio moderado. Convén lembrar que o balneario de Mondariz tiña daquela vintecinco anos de existencia e que o seu director era o curmán do poeta, Isidro Pondal Abente, a quen Eduardo recomendara como anfitrión da Condesa de Pardo Bazán, a cal quedará encantada do mesmo. Como se observa nesta correspondencia familiar, Pondal coñecía e receitaba tamén remedios naturais: unha das materias nas que sacou notable fora Historia Natural, no segundo curso da carreira. Relata Ángel Mato o seguinte: «Meu pai, veterinario coma min, fora un día curar unha vaca dos Pondal. O poeta preguntoulle que mal padecía. 'Mamitis', contestoulle meu pai.
Daquela Eduardo aconselloulle: 'Mande vostede darlle da flor do sabugueiro ou bieiteiro'».
Non nos estraña: xa no seu poema E a nuite de San Joán describe unha serie de plantas como o sabugueiro e o sambuco e incluso a fabulosa herba cabreira e o alucinóxeno das meigas, a herba do demo ou estraloque.
Acabamos esta semblanza do Eduardo Pondal médico volvendo á devandita carta do 14 de xuño de 1898. Eduardo remata esta serie de consellos á súa irmá cun que debería aplicalo a el mesmo: «No pensar mucho y alegrarse».

Descargar PDF
ENLACES DE INTERÉS

PATRONATO
EMPRESAS COLABORADORAS